Concello da Coruña

Concello da Coruña

Próximo congreso ASEICA

O congreso de ASEICA en novembro reforza a posición da Coruña como destino MICE

"Con este congreso de vangarda na investigación oncolóxica agárdase un impacto económico na cidade duns 300.000 euros", segundo o Consorcio de Turismo e Congresos

Cando:

5 de maio de 2023

A Coruña reforza a súa posición como destino MICE coa programación proximamente do congreso internacional sobre investigación en oncoloxía que organiza a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA). Este encontro, que terá lugar en novembro, situará a cidade no punto de mira no ámbito internacional en investigación oncolóxica. Neste foro, que se presentou esta mañá en EXPOCoruña, debaterase sobre o futuro neste campo.

Este congreso, dos máis grandes que tiveron lugar na cidade, xa que reunirá a uns 500 asistentes do ámbito científico procedentes de España e doutros países, conta coa colaboración do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade. O xerente do consorcio, Moisés Jorge Naranjo, expresou hoxe na presentación do congreso que o turismo MICE trouxo á cidade o ano pasado a 15.000 congresistas que deixaron de forma directa uns 10 millóns de euros". "Con este próximo congreso calcúlase un impacto económico duns 300.000 euros", engadiu o xerente.

Os eventos MICE son cruciais para unha cidade como A Coruña, que cada ano afianza a súa situación como destino de turismo de congresos e reunións. Esta modalidade turística, que congrega cada ano na cidade a expertos de distintas disciplinas chegados de distintos países, "é moi importante desde o punto de vista económico e sobre todo de vinculación da cidade a calquera avance científico que se poida dar en congresos destas características", como sinalou hoxe Jorge Naranjo no acto que tivo lugar en EXPOCoruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión