A contorna das Ánimas, nunha imaxe de arquivo
Os traballos arrincarán este domingo pola noite na contorna do Metrosideiro e continuarán os vindeiros días polas Ánimas, onde se soterrarán os antigos raís do tranvía e se gañará unha nova bolsa de estacionamento de vehículos
4 of april of 2025
O Concello acometerá nos vindeiros días unha nova quenda de traballos para renovar o firme na avenida do Metrosideiro, as Ánimas e o treito que conecta o paseo das Pontes co paseo de Rolda, actuacións que forman parte do plan anual de mantemento e conservación das estradas municipais.
En total, actuarase sobre máis de 8.600 cadrados de superficie na calzada. A meirande parte, no paseo das Pontes e na avenida do Metrosideiro, que concentran case o 80% do firme que será substituído ao longo deste inicio do mes de abril.
Os traballos arrincarán este domingo pola noite, precisamente na avenida do Metrosideiro, onde se renovará o asfalto en todo o seu percorrido entre a praza das Atochas e a rúa Metrosideiro e actuarase en ambos os carrís. Ademais, esta primeira xornada de traballos tamén se aproveitará para mellorar o firme na rúa Julio Portela Ceballos, onde está situado o acceso principal á Real Sociedad Deportiva Hípica da Coruña.
Unha nova bolsa de estacionamento preto do hospital Abente y Lago
Tras a avenida do Metrosideiro, o Concello daralle continuidade ao plan de actuacións na contorna das Ánimas, no treito entre a sede do Real Club Náutico da Coruña e a bifurcación previa ao viaduto de subida cara ao paseo marítimo.
A renovación do firme neste sector aparellará o soterramento dos antigos raís do tranvía, o que permitirá mellorar a seguridade viaria neste percorrido e, de paso, crear unha nova bolsa de estacionamento para vehículos na marxe máis próxima ao hospital Abente y Lago.
Desta forma, o Concello dálles uniformidade ás actuacións xa executadas noutros treitos do paseo marítimo, como Os Pelamios ou As Lagoas, onde hai dous carrís para a circulación do tráfico rodado (un por sentido). Nas Ánimas, o formato será o mesmo.
Os traballos no paseo das Pontes, a mediados da semana que vén
Xa por último, o Concello acometerá a derradeira quenda de traballos ao longo do paseo das Pontes con paseo de Rolda, unha intervención sobre case 4.000 metros cadrados de superficie, que, previsiblemente, se executará a mediados da semana que vén, cando os operarios conclúan as tarefas previstas tanto no Metrosideiro como nas Ánimas.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que esta actuación se planificou para executala a posteriori do Metrosideiro e as Ánimas atendendo ao feito de que este domingo 6 de abril haberá partido de fútbol en Riazor e, como xa é habitual, tanto o paseo de Rolda como o paseo das Pontes son percorridos de tránsito de vehículos e persoas en dirección ao estadio municipal.
DESCARGA AQUÍ as infografías coas melloras no firme previstas no mes de abril de 2025 (4 MB)