
Na imaxe, os traballos de demolición sobre a antiga estrutura de Santa Lucía
Entre o xoves e o venres desta semana está prevista a chegada da grúa-torre que permitirá iniciar esta nova quenda de obras
2 of june of 2026
Esta semana, a renovación do antigo mercado de Santa Lucía avanzará cara a unha nova fase, coa inminente posta en marcha dos traballos de cimentación e construción da nova estrutura do edificio, que no futuro acollerá un centro de saúde e un centro cívico, entre máis equipamentos públicos.
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá das próximas actuacións no soar do mercado, onde nos últimos meses foron visibles as demolicións necesarias para, xa a continuación, iniciar esta próxima fase, que permitirá visualizar a columna vertebral do novo Santa Lucía, cuxa rehabilitación era unha demanda histórica da veciñanza da Falperra e parte do Ensanche desde hai máis de 15 anos.
"Seguimos coa nosa folla de ruta, dando pasos firmes para remodelar e modernizar un edificio multiusos que dará resposta ás necesidades do distrito", indicou Rey, que estimou en oito millóns de euros o investimento total para rehabilitar Santa Lucía.
Neste sentido, entre o xoves e o venres desta semana está prevista a chegada da grúa-torre que permitirá iniciar as tarefas das novas estruturas do edificio. Dadas as grandes dimensións da grúa, para facilitar o seu acceso á contorna do mercado será preciso efectuar cortes parciais de tráfico na rúa Inés de Castro.
A renovación de Santa Lucía, un compromiso de Goberno
O aproveitamento de Santa Lucía para darlle novo usos públicos foi un dos principais compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey neste mandato.
O obxectivo: a recuperación do edificio que estaba en desuso -o antigo mercado- para dispor dunhas novas instalacións sanitarias que se axusten ao número de pacientes domiciliados na zona, tamén a creación de equipamentos públicos abertos ao uso de persoas de todas as idades.