
Inés Rey e Antón Álvarez Olmo, esta mañá, en María Pita
A Xunta de Goberno do organismo aprobou o nomeamento tras a resolución do proceso selectivo convocado para cubrir esta praza de dirección pública profesional
4 de novembro de 2025
A Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña aprobou o nomeamento de Antón Álvarez Olmo como novo xerente da entidade, tras superar o proceso de selección pública convocado para cubrir esta praza de dirección profesional.
Álvarez Olmo é graduado en Turismo e Ciencias Empresariais pola Universidade da Coruña e conta con formación de posgrao en tecnoloxías de marketing e comunicación. Ao longo da súa traxectoria profesional especializouse na planificación, promoción e desenvolvemento de proxectos turísticos, con experiencia na coordinación de campañas, captación de eventos e relación institucional con diferentes actores do sector.
"O nomeamento de Antón Álvarez Olmo permite dotar ao Consorcio dunha dirección executiva profesionalizada, con experiencia no sector e capacidade de xestión. A Coruña segue avanzando como destino turístico e este novo impulso contribuirá a reforzar a coordinación co sector e a planificación de proxectos estratéxicos para a cidade", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
O novo xerente terá como obxectivos inmediatos a posta en marcha dun novo plan estratéxico de turismo, a mellora da coordinación cos axentes do sector e o impulso á captación de eventos que contribúan ao posicionamento nacional e internacional da cidade.
O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña é un ente público que ten como misión a promoción turística da cidade, a dinamización da súa marca como destino e o apoio á organización de congresos, feiras e eventos de proxección nacional e internacional.