Avión de easyJet.
É a primeira vez que A Coruña conta cunha liña aérea regular coa cidade italiana
28 de marzo de 2023
Desde o martes 28 de marzo A Coruña amplía o seu mapa de conexións aéreas internacionais, sumando Milán-Malpensa aos destinos europeos xa dispoñibles desde o aeroporto de Alvedro, que tamén abarcan as cidades de Xenebra (Suíza) e Londres (Reino Unido). Do mesmo xeito que no caso de Xenebra -conexión recentemente inaugurada-, a ruta con Milán-Malpensa conta coa aeroliña easyJet como operadora. Hai dúas frecuencias semanais desde Alvedro coa cidade italiana, os martes e sábados, durante todo o ano.
Neste sentido, o primeiro voo procedente do aeroporto de Milán-Malpensa chegou a Alvedro o martes día 28 ás 16.30 horas. O percorrido de volta a Italia foi ás 17.45 horas, no avión EJU3774. Cun fluxo de tráfico de aproximadamente 29.000.000 pasaxeiros por ano, Milán-Malpensa é o segundo aeroporto máis importante de Italia, despois do de Roma-Fiumicino.
Desta forma, o Concello reforza o papel da cidade como destino turístico, pero tamén amplía o mapa de destinos dispoñibles para os coruñeses e coruñesas coas conexións internacionais que oferta a cidade italiana. Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, subliñou que a nova conexión con Milán, así como a que se abriu recentemente con Xenebra, "mostra a aposta do Goberno municipal para potenciar o valor turístico da Coruña a través de infraestruturas clave para a cidade, como é o caso do aeroporto de Alvedro".
A rexedora lembrou, ademais, que é a primeira vez que A Coruña conta cunha conexión aérea regular coa cidade de Milán.
A conexión con Ámsterdam, prevista no segundo semestre de 2023
Coa incorporación de Milán ao abano de destinos dispoñibles desde Alvedro, A Coruña incrementa as súas conexións internacionais, todas elas en continente europeo. A previsión do Goberno de Inés Rey é sumar no segundo semestre do ano unha nova liña co aeroporto de Ámsterdam-Schiphol, que tamén contará con easyJet como compañía operadora. A conexión con Ámsterdam activarase tendo en conta que se liquide a escaseza de permisos e franxas horarias dispoñibles actualmente no aeroporto neerlandés, o máis importante dos Países Baixos.