A obra preséntase este martes, 15 de xullo, dentro da programación cultural polo 16º aniversario da Torre como Patrimonio Mundial
13 de xullo de 2025
A Torre de Hércules contará cunha nova intervención de arte xenerativa, "Everything flows, nothing dies", do artista francés Mathieu Le Sourd, "MAOTIK". A obra, dispoñible do 15 de xullo ao 31 de agosto, afonda na relación entre a funcionalidade da luz do faro como guía e a capacidade expresiva na arte contemporánea, e reflexiona sobre a condición cambiante da natureza. "O Goberno de Inés Rey continúa dinamizando o noso gran monumento, onde tamén teñen cabida as exposicións e iniciativas efémeras, aportando valor a todo o que xa ofrece", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A proposta, comisariada por Hito Cultura & Tecnoloxía, presentarase este martes, 15 de xullo, ás 12.00 horas, nun acto que contará cun espectáculo de danza contemporánea ao pé do monumento da man das artistas Marta e Remedios Cuba, coa música en directo de Miguel Alonso Cambrón.
A instalación está composta por catro pantallas, situadas nos andares da Torre, nas que se proxectarán paisaxes algorítmicas a partir de datos do movemento do mar e das correntes do aire. O espectáculo visual estará acompañado con audios que evocan o son do océano e crearán deste xeito unha experiencia inmersiva para as persoas que a visiten, e unha invitación á reflexión sobre os ciclos da vida e a relación do ser humano coa natureza. En palabras do artista, 'Everything flows, nothing dies' é "un recordatorio de que, se ben as formas e os estados poden cambiar, a esencia permanece".
Tradición e vangarda mestúranse nesta proposta expositiva. O faro romano máis antigo do mundo, vencellado ao uso da luz como guía nunha construción de milleiros de anos, adquire un papel de elemento expresivo dentro das artes dixitais, disciplinas en auxe a nivel global.
Sobre o artista
MAOTIK é un artista dixital de orixe francesa especializado na creación de espazos inmersivos, instalacións interactivas e performances audiovisuais que transitan entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía.
Formado no ámbito dos medios e as artes dixitais no London College of Communication e a Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, a súa produción emprega software feito á medida para transformar a percepción da realidade en tempo real. O seu enfoque da arte xenerativa defínese polo movemento fluído das imaxes e a súa integración en espazos inmersivos. A súa obra inspírase na natureza, abstraendo a súa esencia a través de esculturas audiovisuais baseadas na aleatoriedade, para crear experiencias únicas en cada ocasión.
O seu traballo presentouse en festivais e institucións de todo o mundo, entre eles Mutek, Sonar, Oi Futuro en Río de Janeiro, Art Basel, Frieze London, FIAC Paris, Signal Festival en Praga, o British Film Institute de Londres, ARS Electronica en Linz, o Miraikan Science Museum de Tokio, B39 en Seúl, Funkhaus en Berlin, La Biennale de Venecia, a Fundación Serralves, W1 Curates, CCCB ou Philharmonie, en París. A súa instalación "Everything flows, nothing dies", de 2024, exhibiuse no certame Contemporary Istanbul.