A Coruña City Council

A Coruña City Council
bicicoruña

Arquivo municipal. Persoa usuaria do servizo BiciCoruña no entorno da Torre de Hércules.

A Policía Local denuncia máis de vinte infraccións durante a última campaña de control de bicicletas e patinetes

A campaña estivo enfocada a evitar condutas que poñen en risco a seguridade viaria, como o uso de auriculares ou o manexo do móbil durante a condución, algo que prohibe a normativa de tráfico

Dates:

27 of may of 2025

A Policía Local da Coruña vén de pechar unha nova campaña específica de control sobre o uso de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos, con 21 sancións rexistradas ao longo das dúas últimas semanas.

Durante os operativos, tramitáronse 13 sancións por uso de auriculares durante a condución, 5 por circular por zonas peonís, 2 por manexo do móbil e 1 por realizar modificacións ilegais no vehículo. Estas condutas supoñen un risco real para a seguridade viaria e afectan directamente ao benestar das persoas usuarias da vía pública. O obxectivo da campaña non é outro que previr situacións de perigo e garantir unha convivencia segura entre todos os modos de desprazamento, reforzando o uso responsable dos espazos comúns da cidade.

Esta acción insírese no marco do Plan Local de Seguridade Viaria, en desenvolvemento desde principios de ano, e supón un paso máis na consolidación dun modelo de mobilidade urbana que combina seguridade, accesibilidade e sustentabilidade.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, valorou positivamente os resultados da campaña de control e a evolución do servizo BiciCoruña: "Estamos ante un cambio cultural na forma de movernos pola cidade, e iso require tanto ofrecer alternativas reais como garantir que o seu uso sexa responsable e seguro. A resposta cidadá ao servizo de bicicletas é excelente, e seguiremos ampliando a rede e mellorando a convivencia no espazo público".

"A aposta decidida pola mobilidade sostible está a dar froitos visibles: máis persoas usuarias, menos emisións e unha cidade máis amable. Seguiremos traballando para que A Coruña sexa un referente en mobilidade urbana e calidade de vida", salientou Paz.

O cumprimento da normativa é esencial para garantir a seguridade: os vehículos que circulan polas beirarrúas poñen en perigo os peóns e o uso de dispositivos como auriculares merman a capacidade de resposta dos condutores aumentando o risco de accidente, igual que o uso do móbil. 

Paralelamente, o Concello continúa avanzando na expansión do servizo municipal BiciCoruña, tanto en número de bicicletas eléctricas como de estacións. A incorporación de novas unidades e a planificación técnica das bases permiten mellorar a cobertura e a dispoñibilidade en todos os barrios da cidade, facilitando os desprazamentos e reforzando a alternativa ao vehículo privado.

As actuacións de control complementan este impulso ao transporte sostible, coa finalidade de garantir unha convivencia equilibrada entre todos os modos de mobilidade, evitando conductas que comprometan a integridade das persoas usuarias da vía. 

BiciCoruña mantén cifras récord: máis de 112.000 viaxes en abril e 14.000 persoas usuarias activas

BiciCoruña consolidouse como un piar clave da mobilidade sostible na cidade. Durante o mes de abril de 2025, o servizo rexistrou 112.553 desprazamentos, cunha media de 3.752 usos diarios.

O número de persoas usuarias activas tamén segue en máximos históricos: 14.299 persoas contaban con conta activa a finais de abril, cifra que inclúe tanto subscricións anuais como ocasionais. Desde a renovación do servizo en 2022, a tendencia é crecente mes a mes.

Esta evolución confirma o compromiso da cidadanía cun modelo de transporte urbano eficiente e respectuoso co medio ambiente: só no que vai de ano, o uso das bicicletas públicas evitou a emisión de preto de 210 toneladas de CO₂.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Follow us on

Iniciar sesión