Concello da Coruña

Concello da Coruña
Lage

O concelleiro José Manuel Lage informou esta mañá ao sector hostaleiro sobre a implantación da taxa turística

A Coruña comezará a aplicar a taxa turística o luns 29 de setembro, coincidindo coa finalización da tempada de verán

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, informou hoxe a representantes do sector hostaleiro da folla de ruta que se seguirá nas vindeiras semanas

Cando:

28 de agosto de 2025

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, mantivo unha reunión esta mañá coa directiva da Asociación Empresarial de Hospedaje de A Coruña (Hospeco), na que se informou da folla de ruta formulada polo Concello para implantar proximamente a taxa turística, unha recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas.

Neste sentido, a previsión é que entre en vigor o luns 29 de setembro, coincidindo precisamente coa finalización da tempada estival.

"Desta forma, tentamos darlle todas as facilidades posibles ao tecido hostaleiro da Coruña nesta transición inicial cara á implantación da taxa, que entendemos necesaria porque o turismo está a incrementarse de forma sostida e iso xera un impacto real nos barrios e nos servizos municipais: limpeza, recollida de residuos ou mantemento do espazo público", explicou Lage.

A este respecto, a taxa busca corrixir este desequilibrio e facer que quen utiliza eses servizos, aínda que sexa temporalmente, contribúa minimamente ao seu sostemento. Por iso, o 100 % do recadado reverterase en melloras nos servizos públicos da Coruña. "A taxa turística non é para frear o turismo senón para facelo sostible sen que o custo o asuman só os coruñeses e as coruñesas", agregou Lage, quen recordou que o Concello está a aplicar na cidade a lexislación sectorial aprobada pola Xunta.

"O turismo é unha actividade económica positiva para a cidade e sempre terá o noso apoio. Esta taxa é equilibrada e non suporá ningún impacto negativo", indicou Lage.

Así se aplicará a taxa

Todas as persoas visitantes terán a obriga de aboar a taxa (salvo as exencións recollidas), tamén aquelas que se aloxen en vivendas turísticas. Os establecementos aboarán a taxa a través dunha plataforma dixital mediante dúas autoliquidacións anuais: entre o 1 e o 20 de xullo aboaranse as taxas correspondentes ao primeiro semestre, e entre o 1 e o 20 de xaneiro, as correspondentes ao segundo semestre do ano.

José Manuel Lage lembrou, neste sentido, que a taxa inclúe exencións específicas. É dicir, a normativa estipula casos nos que a recarga non se aplicará. Por exemplo, para menores de idade non emancipados, persoas cunha discapacidade superior ao 65 %, deportistas federados/as en competición oficial, estadías por motivos médicos, persoas acollidas a programas sociais da UE ou estadías motivadas por obras na vivenda habitual. No caso dos cruceiros, estarán exentos da taxa ata o ano 2026. Lage destacou que o Concello inclúe ademais unha exención específica para o turismo de congresos, un sector que leva anos crecendo,  promovido desde o Concello con importantes investimentos. 

As persoas susceptibles de solicitar estas exencións poderán facelo directamente no establecemento hostaleiro no que se aloxen, cubrindo un formulario específico que o Concello distribuirá entre as asociacións e agrupacións do sector na Coruña.

Lage lembrou que a taxa turística non grava os establecementos hostaleiros, senón as persoas visitantes, con cantidades moi pequenas que contribúen a mellorar os servizos públicos, mais que non supoñen ningunha traba para o turismo, como se amosou noutras cidades onde leva anos implantada. O concelleiro recordou que A Coruña propón unha taxa que é case a metade da que está en vigor en Barcelona, onde o turismo segue a subir desde a súa implantación.

O concelleiro comprometeuse a seguir traballando en mellorar a taxa e facilitar a sus implantación nos vindeiros meses. 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión