Inés Rey e Noemí Díaz, esta mañá, na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local
O cadro de tarifas actualizarase a partir do vindeiro martes 1 de xullo, en virtude do Real decreto-lei do Goberno estatal
27 of june of 2025
O vindeiro martes 1 de xullo entrará en vigor o novo cadro de tarifas do transporte público urbano da Coruña, que o Concello actualizará con novas medidas que inclúen, por exemplo, a ampliación da gratuidade do servizo para as persoas menores de 14, un ano máis que o rango de idade establecido ata agora.
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá das novidades previstas, fundamentais para cumplir co último Real Decreto-lei emitido polo Goberno nesta materia, que permite ao Concello contar con axudas estatais e cofinanciar, con fondos propios, as viaxes das persoas usuarias que contan coa tarxeta Millennium.
Rey lembrou que, desde xaneiro de 2023, o Concello e o Goberno do Estado bonifican o transporte público urbano da Coruña coas tarifas reducidas á metade do seu custo. Dende entón, o Estado facíase cargo do 30% desta bonificación e o Concello asumía o 20%, "dado que a Xunta de Galicia descartou no seu momento facer achegas neste sentido e contribuír ao fomento do transporte público urbano da Coruña".
Agora, e dado que o Real Decreto-lei estipula un novo sistema de axudas ao transporte colectivo urbano, varían lixeiramente as condicións que había anteriormente para optar á cofinanciación das tarifas no vindeiro semestre: o Goberno asumirá un 20% da rebaixa dos billetes pagados coa tarxeta Millennium e será o Concello ao que lle corresponda achegar a bonificación restante. "Isto quere dicir que o transporte público urbano da Coruña seguirá con tarifas reducidas desde o vindeiro 1 de xullo e, polo menos, ata finais de ano", anunciou Rey.
Tanto a tarifa social como a universitaria seguirán bonificadas ao 50%
Ademais da ampliación da gratuidade do servizo ata as persoas menores de 14 anos, o Concello fará un esforzo económico adicional no referente á tarifa social e á universitaria, aumentando a súa aportación do 20% ao 30% para garantir ás persoas usuarias destas tarifas que a rebaixa no custo do billete seguirá será sendo do 50%. Polo tanto, a tarifa social e a universitaria se conxelan e mantéñense en 0,12 e 0,15 euros por billete.
A rexedora, acompañada esta mañá pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, incidiu en que o Concello é sensible co perfil das persoas usuarias destas tarifas: "Falamos de pensionistas, persoas desempregadas, persoas con discapacidade e tamén estudiantes. É por iso que decidimos asumir a diferencia con fondos propios, para que podan seguir as tarifas actuais".
No referente á tarifa xeral, contará cunha bonificación do 40%: o Estado asume o 20% e o Concello o 20% restante.
Desta forma, no vindeiro semestre e, concretamente, entre o 1 de xullo e o 31 de decembro, o cadro de tarifas para as persoas usuarias da tarxeta Millennium será o seguinte:
Na Coruña, a tarifa vixente do bus urbano é de 1,30 euros. O Concello xa subvencionaba as viaxes antes da aplicacións dos descontos estatais, pois o prezo por viaxe estaba establecido antes da pandemia en 0,75 euros na tarifa xeral pagando coa tarxeta Millennium. Desde o 1 de xullo os usuarios do bus que paguen a tarifa xeral aboarán 30 céntimos menos por viaxe do que aboaban no 2019. Rey lembrou que as axudas ao transporte público supoñen un dos principais investimentos do Concello, que o ano pasado dedicou máis de 20 millóns de euros a dito fin.
No 2024, récord de viaxes no servizo
Esta mañá, Inés Rey insistiu na importancia de apostar polo transporte público compartido como vía para reducir os desprazamentos en vehículo particular. "Este concello manterá o seu compromiso co medio ambiente e coas políticas de mobilidade sostible, que inclúen precisamente o transporte público compartido como alternativa", recalcou.
Neste sentido, os datos referentes ao balance anual de viaxes no transporte público urbano constata un aumento constante que xa supera as cifras pre-pandemia. No 2019 foron 23 millóns de viaxes e, aínda en contexto de restricións sanitarias, no 2022, de 20 millóns. Xa no 2023, con axudas vixentes, incrementáronse a 24,8 millóns e foron de 27,5 millóns no último ano.