O prazo de solicitudes, que abrirá mañá, estará habilitado ata o día 14 de setembro.
A previsión é que as actividades teñan lugar entre os meses de outubro e maio, sempre en horario de tarde
7 of september of 2025
Mañá, luns 8 de setembro, o Concello abrirá o prazo de solicitudes no programa de natación escolar de cara ao curso 2025-26, unha iniciativa orientada ás e aos escolares dos centros educativos públicos da cidade co obxectivo de iniciar a rapazada na aprendizaxe das técnicas de nado.
O programa, que se desenvolve en colaboración coa Federación das ANPA e as ANPA e centros públicos de educación primaria da cidade, vai dirixido especificamente ao alumnado de 3.º e 4.º de primaria. Este ano, a oferta será de 415 prazas, coas actividades repartidas entre as instalacións das piscinas municipais de Riazor, Santo Amaro e do complexo polideportivo de San Diego.
"O fomento da práctica deportiva xa desde idades temperás é prioritario para o Goberno de Inés Rey. No caso da natación escolar, falamos dun programa que axuda ao desenvolvemento das habilidades psicomotrices do alumnado, tamén a interiorizar hábitos de vida saudables e ao entendemento dos usos recreativos no medio acuático", contextualizou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.
O prazo de solicitudes, que abrirá mañá, estará habilitado ata o día 14 de setembro. As persoas interesadas en optar ás prazas dispoñibles terán que cubrir o formulario disposto na páxina web de Deportes, onde se irá actualizando toda a información referente ao proceso de asignación das prazas.
A previsión é que a programación das actividades de natación escolar teña lugar de outubro a maio, sempre en horario de tarde.