A Coruña City Council

A Coruña City Council
cantamos coas mans

O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, acompañado polo director do CEIP Ramón da Sagra, Francisco Mourelo, durante a entrega do Premio do Público na gala da VIII edición de “Cantamos coas mans”.

O CEIP Ramón de la Sagra recibe o Premio do Público na gala da VIII edición do certame “Cantamos coas mans”

O certame busca fomentar a inclusión do alumnado con discapacidade auditiva a través da lingua de signos e do galego

Dates:

7 of may of 2025

O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, asistiu hoxe no auditorio Fontán da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela á entrega de premios da VIII edición do concurso "Cantamos coas mans", impulsado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). O CEIP Ramón de la Sagra, da cidade da Coruña, foi recoñecido co Premio do Público grazas á súa destacada participación.

O acto contou coa presenza do director do centro, Francisco Mourelo, que acompañou o alumnado e puxo en valor o traballo realizado por toda a comunidade educativa na elaboración da proposta galardoada, baseada na interpretación en lingua de signos dunha peza musical en galego.

A gala reuniu máis de 300 persoas entre alumnado, profesorado, familias e representantes institucionais, e destacou pola súa vertente artística e inclusiva, especialmente coa estrea da canción "Arrolo", interpretada en directo polo grupo A Voz das Mouras e a artista xorda Ruth Lovera. A dita actuación fusionou a lingua galega coa lingua de signos, simbolizando a integración e o respecto pola diversidade lingüística e sensorial.

Desde o Concello sublíñase o papel das comunidades educativas na promoción da igualdade e da diversidade, obxectivos aos que se dá continuidade no marco das políticas públicas impulsadas polo Goberno de Inés Rey.

"O traballo do CEIP Ramón da Sagra é un exemplo de educación inclusiva e de como se pode sensibilizar o alumnado sobre a importancia da comunicación accesible e do respecto á diversidade", sinalou o concelleiro Juan Ignacio Borrego, quen tamén felicitou o equipo docente e o alumnado polo galardón recibido.

Iniciativas como "Cantamos coas mans", que desde 2014 coinciden coa conmemoración do Día Nacional das Linguas de Signos, consolidan a súa relevancia no ámbito educativo galego, recoñecendo o esforzo dos centros por integraren a lingua de signos e o galego como linguas vivas e necesarias nunha escola inclusiva.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Follow us on

Iniciar sesión