A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe nos actos programados pola Asociación de Empresarios de Agrela
Este martes, Agrela renovou por terceira vez a marca que o acredita como Polígono Empresarial de Calidade
13 of may of 2025
A alcaldesa, Inés Rey puxo en valor hoxe o percorrido e evolución do polígono coruñés de Agrela, que hoxe celebrou os actos programados pola terceira renovación da marca Polígono Empresarial de Calidade, outorgada pola Coordinadora Española de Polígonos Empresariales "e que certifica que a actividade económica en Agrela é de alto valor, non só para a cidade, senón para o conxunto da área metropolitana, pola riqueza que xera".
Na xornada desta mañá, organizada pola Asociación de Empresarios de Agrela, Rey lembrou que Agrela -con máis de 60 anos de historia- conta con máis de 550 empresas e xera un emprego directo superior ás 20.000 persoas traballadoras, "sendo un piar fundamental para a o tecido económico coruñés, vital para a creación e o mantemento de postos de traballo".
A renovación da marca fíxose visible ás 11.30 horas, co izado simbólico da bandeira do parque empresarial de Agrela na rotonda Eduardo Diz, no acceso ao polígono.
Ademais da alcaldesa, nos actos deste luns participaron o vicepresidente da Asociación de Empresarios de Agrela, Joan Vidal; a xerenta da Asociación, Teresa Fírvida; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e o conselleiro de Facenda da Xunta, Miguel Corgos.
A mobilidade ao polígono, clave nos plans de futuro do Concello
Unha das principais cuestións nas que profundará o Concello nos vindeiros meses con respecto a Agrela é a mobilidade de ida e volta ao polígono, por onde transitan a diario milleiros de persoas, ademais das e dos traballadores. En moitos casos, tamén circulan vehículos de carga pesada.
Inés Rey subliñou a importancia de ampliar o abano de opcións dispoñibles para facilitar os desprazamentos laborais a Agrela. Está sobre a mesa a creación de dúas novas estacións do servizo municipal BiciCoruña, ao abeiro da súa nova fase de expansión, mais tamén o reforzo da conexión co polígono no contexto do futuro servizo de transporte urbano en autobús, actualmente en fase de estudo. "Será un dos aspectos que teremos en conta de cara á nova licitación porque somos conscientes da necesidade de conectar máis e mellor o polígono. É unha parte máis da cidade e o noso obxectivo é acadar a súa integración total na paisaxe urbana da Coruña, con todo o que iso implica a nivel de servizos públicos", razoou.
Máis dun millón de euros de investimento en Agrela no actual mandato
O plan de melloras previsto polo Concello no polígono de Agrela e a súa contorna avanza estes días cos traballos de construción da nova rotonda entre a avenida de Fisterra e a rúa Gutenberg, unha infraestrutura que permitirá mellorar a circulación do tráfico rodado e reforzar a seguridade viaria nos accesos ao polígono polo seu sector norte.
Esta glorieta é idéntica á que xa está operativa entre a avenida de Fisterra e a rúa Gambrinus, construída con fondos Next Generation e aberta este mesmo ano.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que, ao longo deste mandato, o abano de intervencións en Agrela tamén incluíu traballos de humanización en rúas como Pasteur e Gambrinus, coa creación de áreas verdes e a delimitación de espazos de estacionamento, a adaptación e a mellora na accesibilidade a paradas de autobús, como a executada na rúa Newton, e tamén a renovación do firme en máis de 20.000 metros cadrados nas rúas Severo Ochoa, Galileo Galilei e José María Rivera Corral, traballos que se están levando a cabo estes días.