A exposición, aberta ao público no Ágora, resume o traballo levado a cabo por esta institución nas diferentes edicións deste programa promovido desde a Fundación Emalcsa
3 of june of 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu esta mañá o acto de apertura da mostra da Sociedade Filatélica da Coruña que resume a súa participación en todas as edicións do programa Cultura Accesible e Inclusiva, promovida polo Concello a través da Fundación Emalcsa. "Esta iniciativa do Goberno de Inés Rey busca achegar a cultura a todas as persoas, contribuíndo ao desenvolvemento de diferentes actividades promovidas por asociacións e entidades como é o caso da Sociedade Filatélica", indicou Castro durante o acto de presentación.
O concelleiro, que estivo acompañado polo presidente da Sociedade Filatélica, José Luis Rey Barreiro, percorreu a mostra que xa se atopa aberta a toda a cidadanía no Centro Sociocultural Ágora. A Sociedade Filatélica, en colaboración coas asociacións Asperga e Aspronaga, participaron en todas as convocatorias do programa Cultura Accesible e Inclusiva co obxectivo de fomentar a imaxinación e a creatividade dos seus membros con síndrome de Asperxer e discapacidade intelectual.
No ano 2016 comeza nun concurso de debuxo entre os membros de ambas asociacións, dedicado á Cruz Vermella en Coruña e o seu resultado foi a emisión por Correos dun selo personalizado e unha tarxeta postal prefranqueada. Esta sería a primeira ocasión en España que persoas con diversidade ilustraron unhas emisións filatélicas, e converteuse nun fito filatélico, que mesmo foi recoñecido co premio ao mellor selo personalizado español no ano 2018.
Desde entón a Sociedade Filatelica participou en todas as convocatorias deste programa que se realizaron. O seu resultado foi a emisión de seis selos e nove tarxetas postais prefranqueadas
Para a exposición recompilouse todo o material orixinal resultado dos diferentes concursos realizados. A mostra divídese en oito paneis, un por ano e móstranse enmarcado os debuxos e fotografías orixinais, á beira dos pregos de selos realizados por Correos, as súas primeiras emisións e en distintas vitrinas todo aquel material relacionado cos actos realizados.