A alcaldesa, Inés Rey, visitou a exposición no Cantón Grande xunto ao comisario Juan Herrera e o director artístico Luis Piedrahita
24 of april of 2025
A exposición ao aire libre dedicada á Antonio Fraguas, Forges, da este xoves comezo á programación da quinta edición do Encontro Mundial de Humorismo, que transcorrerá en diferentes espazos da cidade ata o vindeiro 4 de maio, con máis de 15.000 entradas vendidas para os numerosos espectáculos programados. A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá a mostra 'Guonderful Forges. Os anos da esperanza' acompañada do comisario da mesma, Juan Herrera, un dos grandes referentes do humor a nivel nacional, responsable de formatos como Humor Amarillo ou El Hormiguero. Tamén asistiu Luis Piedrahita que, xunto con Ximena Feijoo Merklen, é o director artístico da mostra.
"Desde o Concello da Coruña seguiremos a apostar por iniciativas culturais que enriquezan o espazo público, que inviten á reflexión e que nos fagan mellores como sociedade", apuntou a alcaldesa durante a visita. A mostra, dedicada a un dos humoristas gráficos máis relevantes da historia de España, percorre a obra de Forges a través das súas viñetas publicadas entre o final da ditadura e a chegada da democracia. A morte de Franco, a situación política, os medios de comunicación, a liberdade de expresión, os estatutos de autonomía, o turismo, a música, o deporte, a pílula anticonceptiva, a Igrexa, a parella ou o cine e a televisión son algunhas das temáticas que Forges abordou nas súas viñetas, nas que exerceu como cronista da súa época cun humor lúcido e comprometido.
Juan Herrera asina tamén o texto de presentación da mostra: "As ditaduras, como as hipotecas variables, sábese cando empezan, pero non como rematan. Non hai un anemómetro que mida a brisa da liberdade e quizais o humor sexa a única ferramenta capaz de facelo. Fronte ao medo e á represión, só queda o voo intrépido das paxariñas de papel dos humoristas. Entre eles, Forges destacaba como unha voz única e esencial".
Comeza o EMHU
As principais figuras e espectáculos do momento da comedia daranse cita na Coruña ao longo de 11 xornadas. Shows de estrea, mesas redondas, producións propias e proxeccións conforman un programa do que o público poderá gozar esta primavera.
O Encontro Mundial de Humorismo xa colgou o cartel de "entradas esgotadas" en practicamente todas as súas sesións, pero conta con actividades paralelas de acceso libre ata completar aforo -como o Match de Impro, a presentación de Atasco, a charla Castelao na arte europea ou o podcast El sentido de la birra Live- que terán lugar na sede de Afundación (Cantón Grande). Estas actividades intégranse no programa Cultura por Alimentos, unha iniciativa solidaria que invita ás persoas asistentes a facer unha achega simbólica de alimentos non perecedoiros, que se destinarán ao Banco de Alimentos Rías Altas.
PROGRAMACIÓN COMPLETA DE EMHU 2025
24/04 a 04/05 | Cantón Grande | Guonderful Forges. Os anos da esperanza