Eliminados máis de 120 metros cúbicos de unlla de gato na contorna da Torre de Hércules

4 de xaneiro de 2019

Torre de Hércules

Os traballos de recollida da planta invasora foron realizados polo grupo naturalista Hábitat

A Coruña, 4 de xaneiro de 2018. O grupo naturalista Hábitat rematou as labores de retirada da especie invasora unlla de gato na contorna da Torre de Hércules. No balance das accións de conservación e voluntariado ambiental levadas a cabo a través dun convenio entre o Concello, a Universidade da Coruña e este grupo, a concelleira de Medio Ambiente, María García, suliñou que se retiraron 122,5 metros cúbicos desta especie. 

As actividades realizadas no marco deste convenio leváronse a cabo en 11 xornadas de traballo entre os meses de outubro e novembro nas que participaron 226 persoas, entre veciños e veciñas da cidade, estudantes de catro centro escolares, voluntarios da Oficina de Medio Ambiente da UDC e persoas usuarias do Centro de Inserción Social Carmela Arias y Díaz de Rábago. 

O Carpobrotus edulis ou unlla de gato é unha especie resistente procedente de Suráfrica, moi abundante tanto na zona de Punta Herminia, onde se conseguiu eliminar, como ao pé da Torre. A concelleira indicou que este tipo de convenios continúan o traballo que está a realizar o departamento no eido da conservación ambiental, como o estudo da biodiversidade da cidade, na que hai máis de 3.200 especies. Citou tamén a declaración de espazos protexidos nos ENIL (Espazo Natural de Interesa Local) das Illas de San Pedro, que xa ten o plan de conservación presentado ante a Xunta de Galicia, ou o da propia contorna da Torre de Hércules. 

Neste sentido recordou que tamén se puxo en marcha un plan de segas para favorecer o asentamento das aves. García lembrou tamén que “hai ano e medio que o Concello da Coruña solicitou vía Pleno a declaración dun espazo protexido no ENIL da Torre”. Non entendermos ese atraso ou, se cadra, esa falta de interese”.

García engadiu que “Sabemos que estamos nun dos espazos máis valiosos da Coruña, con máis de 700 especies diferentes de flora e fauna, 1.400 se consideramos un quilómetro da contorna e o que queremos é blindalo para a súa conservación e a súa posta a disposición pola cidadanía con actividades como esta e moitas outras. Facemos un chamamento á Xunta para que aceleren os trámites porque é un procedemento que debería levar tres meses e levamos ano e medio esperando”, censurou.