Os nenos e nenas que participaron nos campamentos de verán visitarán a Torre de Hércules o vindeiro 1 de setembro

28 de agosto de 2017

Torre de Hércules

O monumento dedicará toda a mañá a recibir aos rapaces. A actividade normal recuperarase ás 14.30.

O vindeiro venres, 1 de setembro, a Torre de Hércules celebrará unha xornada especial de portas abertas, dedica unicamente aos 260 nenos e nenas que participaron na quinta quenda dos campamentos de verán, promovidos desde o Fórum Metropolitano e o espazo Ágora, e que este ano organizáronse baixo o lema Romanos en Crunia.  

Durante as vacacións de verán, tanto o Fórum Metropolitano como o Ágora organizan actividades para a infancia, co obxectivo de promover accións de lecer para fomentar novas relacións persoais e de grupo, ademais de descubrir a contorna urbana. Os campamentos celebráronse de luns a venres de 10.00 a 14.00 e rematan precisamente o venres 1.  

Logo de coñecer a historia, a mitoloxía e diversos aspectos da sociedade romana, como a arquitectura e os usos sociais, os rapaces terán ocasión de visitar o monumento romano que identifica á cidade. Comezarán a chegar á Torre de Hércules ás 10.30, por quendas de 30 minutos, ata as 14.00.  

Isto significa que a atención ao público xeral quedará suprimida durante a mañá e volverase á normalidade a partir das 14.30.