Unha Torre de Hércules construída con 7.000 cubos de Rubik para celebrar o 7º aniversario na lista de Patrimonio Mundial

21 de xuño de 2016

Torre de Hércules construída con 7.000 cubos de Rubik

O alcalde destaca a necesidade de promocionar A Coruña “como un destino turístico e unha cidade de ciencia” 

A Coruña, 21 de xuño de 2016.­ O​ alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na mañá deste martes no acto de presentación no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) dunha réplica da Torre de Hércules formada por 7.000 unidades de cubos de Rubik, como homenaxe co gallo do séptimo aniversario da inclusión do faro na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. O rexedor, que saudou á iniciativa, indicou que “esta é unha cidade de ciencia, cualidade que debe ser aproveitada á hora de promocionala como destino turístico”. “Esta Torre de Hércules reinterpretada por cubos de Rubik, expresa á perfección esa alianza entre promoción turística e ciencia na que este Goberno municipal tanto confía”, dixo.

 

A respecto do concepto da Coruña como cidade de ciencia, Ferreiro recordou os bos datos de visitas acadados polos Museos Científicos Coruñeses (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae) o pasado ano, e que rondaron as 443.500 visitas. “O Muncyt non está xestionado polo Concello, polo que non entra na rede de Museos Científicos, pero comprende á perfección a vertente de ciencias desta cidade, e forma parte da oferta cultural que ofrece este municipio tanto a súa veciñanza como aos e ás súas visitantes. Por iso cremos na necesaria colaboración entre entidades, sempre co obxectivo marcado no ben da nosa cidade e as súas xentes”, dixo.

 

Con esta iniciativa o Muncyt súmase á celebración dos 7 anos da declaración da Torre como Patrimonio da Humanidade, que se cumpren o luns 27. A peza está considerada a escultura de cubos de Rubik máis grande do mundo e foi construida por Ernesto  Fernández,  campión  de  Europa  e do mundo na modalidade Rubik’s Clock e con varios récords mundiais na elaboración de mosaicos.