As visitas á Torre de Hércules incrementáronse en 20.000 persoas durante o ano pasado

4 de xaneiro de 2010

As visitas á Torre de Hércules incrementáronse en 20.000 persoas durante o ano pasado

O primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, valorou moi positivamente estes resultados, como un dos froitos do esforzo realizado na promoción da cidade e do seu principal sinal de identidade no ano no que foi designada Patrimonio da Humanidade.

Tello avanzou que durante este ano se agarda outro importante incremento debido ao Xacobeo 2010 e ás accións que desenvolverá Turismo da Coruña para atraer turismo á cidade.

A Coruña, 4 de xaneiro de 2010.- A Torre de Hércules foi durante o ano 2009 a gran protagonista das actuacións de promoción que se desenvolveron desde Turismo da Coruña. O protagonismo do faro romano tanto nas accións previas á súa designación como Patrimonio da Humanidade como nas posteriores a esta importante declaración que chegaba coincidindo co verán tiveron os seus froitos nun destacado aumento da afluencia de visitantes ao monumento. De feito, o incremento acadado durante o ano 2009 con respecto ao exercicio anterior sitúase en 20.000 visitantes. Se en 2008 foron 129.966 persoas as que se achegaron á Torre, no exercicio que acaba de rematar a cifra ascendeu a 149.440 persoas.

Os meses con maior afluencia de visitantes foron o de agosto, con 43.115 persoas, seguido de xullo, con 33.396 persoas, setembro con 14.283 e de xuño, con 13.495 visitantes. Cómpre destacar tamén que o día no que se rexistrou o maior número de visitas á torre foi o 4 de xullo, cun total de 2.260 persoas. Dáse a circunstancia de que esa xornada foi o sábado seguinte á data histórica da designación da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. Ese día, o 27 de xuño, achegáronse ao faro romano para celebrar este acontecemento un total de740 visitantes.

O primeiro tenente de alcalde, Henrique Tello, valorou estes resultados de xeito moi positivo xa que amosan o peso que está a acadar a Torre de Hércules entre os atractivos turísticos da cidade, así como o importante papel do monumento como reclamo á hora de achegar turistas á cidade. Ademais, sinalou que este positivo balance só é o anticipo do que está por vir xa que durante o presente ano 2010, no que se celebra o Xacobeo, se agarda un importante aumento de visitas á Torre, grazas non só á proxección de Galicia a nivel turístico, senón tamén aos labores de promoción da cidade da Coruña e do seu principal sinal de identidade que desenvolverá Turismo da Coruña ao longo de todo o ano.